RESUMO A biodiversidade de montaña é particularmente vulnerable ás oscilacións bruscas das condicións ambientais. Un estudo recente baseado en modelado climático amosou que unicamente tres das dezanove especies actualmente presentes na Península Ibérica do xénero de bolboretas Erebia (Nymphalidae, Satyrinae) persistirán no peor dos escenarios modelados para o ano 2070. Unha delas é Erebia palarica, endémica do noroeste español. Neste estudo, combinamos xenética, morfometría e modelado de nicho ecolóxico para reconstruír a súa historia evolutiva. Primeiramente, secuencias do xene mitocondrial da citocromo oxidasa I (COI) de 305 espécimes revelaron unha rede de haplotipos con forma de dobre estrela, o que suxire unha expansión demográfica desde dúas poboacións ancestrais. Este achado é congruente coa maior e descontinua distribución potencial revelada polo modelado de nicho climático para o último máximo glaciar (UMG). En segundo lugar, o xenotipado con sete marcadores microsatélite de 262 mostras revelou un gran grupo no centro‐este da Cordilleira Cantábrica, afectado principalmente por illamento por distancia, e descubriu diferentes niveis de estrutura nas localidades do oeste. Finalmente, revisamos a taxonomía intraespecífica: a localidade máis occidental (Queixa) destaca como unha unidade claramente separada segundo as análises xenéticas e morfométricas, feito que apoia a vaga descrición desta poboación como E. p. castroviejoi. En conxunto, o caso de E. palarica exemplifica a complexidade que poden amosar os endemismos restrinxidos, salientando que a comprensión da historia evolutiva das especies é crucial para o deseño de estratexias de conservación adecuadas. [ABSTRACT FROM AUTHOR]